Saturday 20 de April de 2024

A Fundación Deporte Galego e a Universidade da Coruña crean a Cátedra “S.X.D. Galicia Activa”


A Secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez e o Reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron hoxe o convenio que posibilita a posta en marcha da nova Cátedra que terá unha duración de 3 anos

Marta Míguez, secretaria xeral para o Deporte e presidenta da Fundación Deporte Galego, e Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña, asinaron hoxe o convenio polo que se crea e regula a Cátedra “S.X.D. Galicia Activa” que terá unha duración de 3 anos.

Esta Cátedra ten como finalidade fomentar a investigación e a transmisión de coñecemento en materia de actividade física como instrumento para a prevención das enfermidades crónicas non transmisibles e dos seus factores de risco. Enmarcada no Plan Galicia Saudable, servirá tamén para asesorar na implementación, seguimento e avaliación das medidas do plan e para o establecemento de prioridades de intervención.

O Plan Galicia Saudable, aprobado no Parlamento Galego no 2012, foi promovido por la Xunta de Galicia e coordinado pola Secretaría Xeral para o Deporte e ten como obxectivo a promoción da actividade física en Galicia como ferramenta preventiva destas enfermidades.

Mediante esta Cátedra posibilitarase a formación de profesionais cualificados e favorecerase a divulgación dos beneficios da adopción de estilos fisicamente activos entre a poboación galega.

A avaliación das actuacións do plan nestes últimos anos e a análise das máis de 12.000 avaliacións de condición física saudable realizadas a nenos e nenas galegas a través da plataforma DAFIS son dúas das primeiras tarefas a desenvolver por esta Cátedra.